Unha vez máis, e xa van tantas que perdín a conta, unha comisión
informativa ou un Pleno convértense no lugar onde o Señor Barcia, esquecendo a
súa posición como Alcalde, deixa ver a súa verdadeira natureza con ataques
persoais a esta concelleira que nada teñen que ver co debate político ou
ideolóxico.
O luns pasado, na comisión ordinaria de Benestar, durante o debate
sobre as axudas á escolarización, axudas de emerxencia e declaración
institucional do 8 de marzo, os argumentos dados polo Alcalde ante as miñas
preguntas, propostas ou reflexións centráronse na súa obsesión co meu suposto
(e falso) tránsfuguismo, coas miñas supostas (e falsas) irresponsabilidades, ou
na miña suposta (e falsa) presenza ilexítima na corporación.
Hoxe, no Pleno extraordinario, no que se debatía o Convenio Colectivo
e a adquisición dunha vivenda no Seixo, os argumentos dados polo Alcalde centráronse
na miña vida persoal e profesional, da que non teño que darlle explicación ningunha
dentro do debate político, que é o que procede nun Pleno.
Os gritos, as faltas de respecto e as falsas acusacións, ao único que
retrata é a quen se rebaixa a ese nivel, ao lodo, que parece que lle gusta
porque sempre leva os debates a ese punto, onde debe sentirse cómodo, lonxe dos
argumentos sensatos e perigosamente preto do macarrismo. A incapacidade na
defensa dos argumentos propios, dos actos propios e das decisións propias
simplemente demostra a limitación e pobreza de quen non é capaz de actuar á
altura esixible do seu cargo institucional.
Deixándose levar polos seus baixos instintos e esquecendo que a Alcaldía
non representa a súa persoa senón a todos os veciños e veciñas, está a facer
declaracións intolerables para o cargo político que ostenta.
A razón da forza que noutros casos funcionoulle tan ben, non servirá
neste caso. Non vou deixar de facer o meu traballo,nin vou deixar de facer preguntas
e propostas, nin vou deixar de denunciar o pésimo funcionamento de determinadas
áreas do Concello. Ese é o meu compromiso.
Sei que resúltalle molesto que eu pregunte e repregunte. Pero o que
verdadeiramente molesta é que algúen poda actuar con total liberdade porque nin
lle debo nada a ninguén, nin teño vergonzas que tapar. A liberdade na acción
política só da medo aos que teñen a conciencia intranquila e o traballo mal
feito, convertindo o discurso político en debates persoais para tentar defenderse,
confundindo o cargo e a persoa.
¿podería explicarme alguén qué aporta ao debate sobre o Convenio falar
de se eu estou no paro ou non?
¿qué aporta ao debate sobre a compra da vivenda do Seixo se eu
participei ou non na campaña electoral?
¿qué aporta ao debate sobre a aclaración de erros administrativos se
eu son unha “iluminada” ou non?
E si, tamén vou denunciar estos feitos, porque considero que é unha
persecución persoal por parte do Alcalde e dalgúns outros membros da
corporación, froito da patética incapacidade de entender que a miña decisión
lexítima e persoal de abandoar o grupo de goberno é sinxelamente eso, unha
decisión absolutamente lexítima e persoal.
Se todas esas falsas acusacións que fan o Alcalde e os seus cómplices foran
mínimamente reais, xa me terían denunciado, ou sería o Alcalde o que me tivera
apartado do goberno.
Lamentablemente, nin son a única vítima destas actitudes, nin moito
menos a única afectada por elas. Seino. Hai usuarios dos servizos públicos que
non se atenden, hai veciños e veciñas aos que non se lles escoita, non se respostan
os seus escritos nin se resolven as súas solicitudes; si, hai discriminación....E
son os veciños e veciñas as principais vítimas delas. Eu, unha máis.
E unha derradeira aclaración. Hoxe mesmo o dixen no Pleno. Eu non falo
aquí de Xosé Fernández Barcia a nivel persoal, nin o vou facer. A miña crítica vai
dirixida ao Alcalde de Mugardos e as súas actitudes no Concello, nos Plenos e
nas comisións.
A persoa de Xosé Fernández Barcia pode ter a súa opinión persoal sobre
esta concelleira: da miña vida, do meu traballo, das miñas opinións e de todos
os aspectos que considere oportunos. Está no seu dereito. Como veciño, pode
pensar de mi o que lle pareza.
Pero como Alcalde, na presidencia do Pleno e das comisións non pode
nin debe confundir os conceptos. El é o Presidente, eu unha concelleira. E
nesos roles non vou aceptar insidias, calumnias, faltas de respecto nin referencias á miña vida. O
Alcalde debe facer o seu traballo e eu, o meu.
Esta entrada vai dirixida a reflectir actitudes e declaracións do
Alcalde de Mugardos no desempeño das súas funcións, que non podo nin debo admitir.
Non vou entrar a valorar ní a xulgar as presuntas actitudes negativas que vostede denuncia publicamente nesta entrada porque non dispoño de testemuño directo de todo iso e tampouco, ata o momento, soporte documental para poder facelo , como poidan ser as correspondentes actas.
ResponderEliminarDe todos os xeitos algo raro debe de haber en todo isto porque a través da rede puiden saber que outra concelleira do Concello de Mugardos, neste caso do Partido Popular, que casualmente tamén se chama Mónica como vostede, solicitou que se clarifique nas actas dos plenos cando o alcalde chama a atención a " Mónica " acompáñese de apelido.
Tampouco sei si o alcalde " lle chama a vostede a antención " tal e como manifesta a concelleira do PP.
A min se que me chama a atención o feito de que esta mesma concelleira, tamén a través da rede, o pasado día 11, antonte, dixese que a modificación de crédito para a compra da vivenda do Seixo tocaba partidas de gasto de persoal e que por iso o PP pediría a documentación presupostaria para poder facer unha valoración.
Finalmente recoñece e denuncia publicamente que o alcalde lles denegou o acceso á información solicitada.
E o máis incomprensible de todo isto é o feito de que despois de todo o anterior, no día de onte, poucas horas despois, o Partido Popular votou favorablemente a proposta de modificación de crédito presentada polo goberno municipal do BNG para a compra dunha vivenda no Seixo .
De todos os xeitos parece que casí ninguén sabe de que vivenda se trata e cual pode ser o obxecto e a finalidade última da devandita adquisición.
Cousas da política actual .
Agradézolle a súa opinión.
ResponderEliminarAs actas dos Plenos pode consultalas na página web do Concello www.concellodemugardos.org no punto de actualidade - Plenos. REcoméndolle que poña a versión da página en castelán (na parte superior ten dita opción, q é onde se están a colgar as actas máis actuáis).
Onte no Pleno o Alcalde fixo mención á solicitude da concelleira Mónica Martínez que vostede comenta, e persoalmente, paréceme lóxica, debido precisamente á coincidencia dos nomes.
Sobre as afirmacións que vostede fai en canto ao voto do PP, non son eu a persoa que pode aclarar ese punto.
Eu expliquei nun comentario da entrada anterior cal foi o sentido do meu voto, e o porqué do mesmo. Entendo que debe darse cumprimento á senteza, pero tamén que non eran as partidas de persoal as que deberían reducirse para acadar os cartos necesarios.