jueves, 29 de agosto de 2013

Pleno Ordinario 30/agosto/2013

Mañá venres, ás 20.00h, no salón de Plenos do Concello de Mugardos, celebrarase o Pleno Ordinario do mes de agosto aberto ao público.

Estos serán os asuntos a tratar: (ente paréntese a miña traducción/opinión):
 
1. Moción do PP sobre acceso á información dos expedientes por parte do Concelleiros (este é xa un tema recurrente. A Troika mugardesa presenta graves carencias no que respecta á transparencia no acceso á información. A maiores do acceso á información segundo marca a lei, o PP pide ter acceso aos expedientes polo sistema SIGEM, sistema informático xa implantado no Concello, que permitiría aforrar cartos ao Concello, e tempo a traballadores e políticos. A miña aposta é que esta moción non se vai aprobar. BNG-EU-PSOE votarán non (dirán que pensan que é ilegal, ou que require informe, ou algo así). É unha aposta arriscada o voto negativo do PSOE, tamén podería ser unha abstención, pero dado o seu modo de facer oposición responsable, eu aposto polo voto negativo. Eu votarei a favor). 
2/setembro/2013 EDITO: o PSOE decidiu absterse, o resto quedou como xa dixera.

2. Moción do PP sobre procedementos urbanístico pendentes (Aquí pide o PP que elabore un informe de expedientes urbanísticos pendentes e que se resolvan nos prazos establecidos por lei. Aquí o voto en contra de BNG está claro, o Alcalde leva negando a maior meses, e Bouza, ex-concelleiro de urbanismo non vai recoñecer o retraso existente da súa etapa. EU pode decir que vota en contra porque dende que están eles resolven todo en prazo (claro, que o problema é o xeito de resolvelo, pero eso queda para outro día), o PSOE non tería motivo obxectivo para votar en contra, posto que eles mesmos se teñen queixado do retraso nalgúns expedientes. Eu votarei a favor) Penso que esta moción podería sair adiante
2/setembro/2013 EDITO: o PSOE sorprendeu co argumento de que non hai nada pendente en urbanismo. Logo de lerlle eu 2 resolucións q precisamente foron a ese pleno, de expedientes de 2010... Non mudou de opinión. Porque ao PSOE de Mugardos as probas non lle sirven se veñen da Concelleira non adscrita...ainda que perxudiquen aos seus veciños e veciñas. Eles están en política co obxectivo de que eu marche, non de mellorar as cousas...seguro que hai algún obxectivo máis que teñen, pero que "non coñezo"...

3. Moción da concelleira non adscrita sobre as tarefas e retribucións do persoal de Limpeza de Praias 2013 (O persoal de limpeza de praias foi contratado para unhas tarefas, marcadas pola Deputación, que é quen da a subvención para a contratación, e que di claramente que é para limpeza de praias marítimas e o seu contorno. Levarei probas de traballadores deste programa facendo tarefas que non lle corresponden (seguro que a outros tamén contratados con subvención, non lles piden que fagan tarefas para as que non foron contratados), e eles simplemente fan o que manda a Sra. Pilar Díaz, obviamente. Tamén sorprende que non limpan zoas que si corresponden (por exemplo, no Seixo). A maiores, resulta que non sei porqué motivo, a estes traballadores de servizo de limpeza de praias non se lles aplica o Convenio de persoal laboral, e páganlles moito menos que o resto do persoal do Concello contratados como peóns. Non teño que decir que esta moción non sairá adiante BNG-EU-PSOE votarán non. ¿¿Porqué?? pois temos a opción de que sexa porque din que son unha tránsfuga, de que roubei un acta, de que sempre minto, de que non son concelleira como eles, de que non fago máis que faltar ao respecto, de que non represento a ninguén, de que eles non falan dos asuntos de persoal nos Plenos... as excusas de sempre para non falar do tema que trata a moción, e con cero datos que avalen os seus "argumentos". A outra opción é que non digan unha palabra e se limiten a votar en contra. O que sería o mellor exemplo do que xa comentei na entrada anterior. a defensa dos traballadores do Concello por parte da Troika non é tal. Nin é a todos os traballadores, nin son todos os traballadores iguais).
2/setembro/2013 EDITO: acertei 100% coa salvedade de que foi a Alcaldesa a que neste caso negou a maior. É todo mentira di. Pois o comprobaremos. O tempo da e quita razóns.

4. Dar conta do informe sobre obrigas pendentes de pago (O anxo da guarda do Señor Alcalde debeu marchar de vacacións prolongadas, porque logo de negar no Pleno Extraordinario do pasado venres unha e mil veces que él gardara facturas no caixón... ben a este Pleno un informe que di textualmente "existen tres obrigas pendentes de pago vencidas, líquidas e esixibles antes do 31 de maio de 2013, pero non están contabilizadas por non estar o gasto autorizado". Esto qué significa?. Que se recibiron 3 facturas por algo máis de 65.000€,pero que non se pagan porque non se contabilizaron. E porqué non se meteron na contabilidade?  porque o órgano que ten que aceptalas non o fixo. Así, eu podo concluir que cando o Alcalde di que non ten débedas, non di a verdade. Débedas ten, pero non contabiliza, "mete a factura no caixón" e fin do problema. Este punto non se vota. e probablemente nin deixen falar).

5. Dar conta das resolucións ditadas pola Alcaldía dende o Pleno anterio. Repito, o anxo da guarda do Señor Alcalde debeu marchar, e ben lonxe de vacacións... das pouco máis de 120 resolucións que van ao Pleno, aproximadamente 50 teñen algún erro, ben sexa administrativo, accidental, intencionado ou sen intencionar... é indiferente. O caso é que os firmantes de ditas resolucións Alcalde ou Alcaldesa-Accidental, e secretario, firman sempre conxuntamente. ¿Pois alguén terá a responsabilidade de ler o que se firma en nome do Concello de Mugardos, non?.
2/setembro/2013 EDITO: o Señor Alcalde decidiu non respostar a ningunha das miñas preguntas sobre as súas resolucións. que foron 4. Outro que goberna  co obxectivo de que eu marche e non para asumir que cando un goberna, a opisición controla e fiscaliza (excepto o PSOE, que predica pero non practica). O mesmo que co tema da limpeza de praias da Señora Alcaldesa, veremos quen tiña razón.

6. Rogos e preguntas. Aquí hai novidades. O Alcalde, dende o novo regulamento que só permite facer 2 preguntas de resposta oral e duas preguntas de resposta escrita, neste punto daba conta das respostas ás preguntas escritas plantexadas no Pleno anterior, pois esas ten 20 días de prazo para respostalas. Este mes non da conta de ditas respostas. ¿O motivo? pois que a min non me respostou ás miñas preguntas, co cal non podería dar conta e quedar el mal. As preguntas, que repito neste Pleno a ver se teño sorte, eran: Primeira: ¿Que traballadores con centro de traballo asignado no Concello de Mugardos asisten ao seu posto unha tarde á semana e os sábados pola mañá, como di o Convenio Colectivo e o Acordo regulador vixentes?. E segunda ¿Por que non se lles descontou o día da Folga do 12 de xuño de 2013 nas nóminas aos traballadores do Concello de Mugardos como dí a lexislación vixente?.
2/setembro/2013 EDITO: o Alcalde dixo que non podo facer preguntas. Logo de pedir o cumprimento do Regulamento ao longo do Pleno en tantas ocasións, foi el quen decidiu que como é Alcalde ten a potestade de cumprilo ou non. Unha vez máis, veremos  quen tiña razón. Do abandono do Pleno de EU, da petición do PSOE de parar esta situación e do resto do acontecido, falarei cando haxa acta.

Aos que pensades que non digo a verdade, vide mañá ao Pleno e poderedes comprobalo.
Aos que pensades que digo a verdade, vide ao Pleno e apoiade.
Pero o máis importante, se tedes oportunidade, ¡vide ao Pleno...que non volo conten!
 


3 comentarios:

  1. Para procedementos urbanísticos pendentes, O PLAN XERAL DE ORDENACION MUNICIPAL do que fai xa algo máis de catro anos contratáronse os traballos para a súa revisión e polo momento os veciños e veciñas do noso municipio nada sabemos ao respecto. Isto se que é grave e preocupante e o é aínda moito máis posto que diso nada deben saber os nosos responsables políticos municipais posto que ata a data nada teñen dito sobre este asunto, salvo que por algún motivo prefiran estar calados e ausentes .

    ResponderEliminar
  2. Certamente pode observarse como a Esquerda Unida de Pilar Díaz tenta xa buscar réditos electorais a base de simplemente facer que o concello funcione como o que debe entenderse funcionamento normal de calquera administración local. O concello de Barcia estaba paralizado. Que o funcionamento normal, os simples trámites administrativos, as xestións máis básicas e elementaís frente ás outras administracións queiran poñerse agora como un alarde de bo facer, non deixa de ser un elemento máis da propaganda política que tanto lle gusta á socia do goberno municipal. Esa propaganda que logo de un amago enganoso, volta a aplicar a censura no seu blog, as últimas cinco entradas sen un comentario, e non é seguramente porque non se enviaran, senón porque non lles gusta que se vexan os comentarios de veciños non afectos ó seu discurso. Pobre concepto de liberdade, enxalzamento do discurso único por medo á perda dos privilexios políticos e persoais, loita sucia polo poder a toda costa, aínda a costa da traizón ós seu votantes e ós principios que deberían abandeirar a calquera servidor público. A web do concello chuspe agora novas e avisos como nunca o fixera antes …. ¡¡aplausos!!… Sí, xa se nota a man de Pilar no concelllo, o fomento da participación ciudadá, para por exemplo o debate previo e explicación á suba de todas e cada unha das taxas e impostos municipais, publicidade ós temas tratados nas comisións informativas, o anuncio da orde do día e a convocatoria dos plenos ordinarios e extraordinarios coa suficiente antelación…
    ¡¡sí, esto marcha, xa funciona!!

    ResponderEliminar
  3. ¡¡Plas, plas, plas!!, grandes aplausos, ás veces non hai como un toque de atención, http://www.concellodemugardos.org/noticias/2013/09/18/comisi-n-informativa-servizos-deu-v-libre-reordenaci-n-dos-estacionamentos-na-r- , ogallá a partir de agora sexa así co resto dos temas.
    Por certo, o comentario anterior foi enviado tamén ó blog do PP (co publicou) e ó de EU, que débelles producir certo arrepío porque aínda nada.

    ResponderEliminar