miércoles, 30 de enero de 2013

Tengo una pregunta para usted, Sr Alcalde



Se lembrades este famoso programa de televisión, lembraredes que cidadáns a título particular facíanlle preguntas a políticos invitados. Alí déronse situacións tan comentadas como a pregunta ao Presidente Zapatero de canto costaba un café, ou a pregunta ao, daquelas, xefe da oposición Sr Rajoy de qué faría se fose presidente no 2012 e tivera 4.000.000 de parados.
Como o Sr Barcia non resposta as miñas preguntas como Concelleira, voullas facer como veciña, a ver se teño máis sorte.

Logo de visitar hoxe a páxina web do Concello e atoparme na portada coa seguinte información “A Deputación Provincial da Coruña felicitaao Alcalde pola situación económica saneada que presenta o Concello deMugardos” que logo se amplía cunha parte de dito informe. Aclaremos algunhas cuestions.

Antes de nada, convido ao Sr Alcalde, dado o seu novo interese en que veciños e veciñas coñezan a situación economico-financieira do Concello, a que publique vostede os orzamentos na web municipal, a liquidación (ou peche) dos orzamentos ao rematar o exercicio, (incluso podería facelo trimestralmente, para que veciños e veciñas poidan ir coñecendo en qué se invirten os seus cartos), a publicar canto paga o Concello a cada un dos Concelleiros e Concelleiras (incluidos gastos de teléfono, de viaxes, peaxes, aparcamentos, comidas, etc).

O problema é que cando lle propuxeron estas medidas de transparencia nun Pleno, vostede votou en contra. Vostede e os seus compañeiros do tripartito.
¿porqué publica vostede informes da Deputación con titulares tendenciosos, e non a  información económica e financieira municipal que obra no seu poder e que aos veciños e veciñas gustaríanos saber? 

domingo, 27 de enero de 2013

Espadas en todo o alto



Logo da información dos derradeiros días suminitrada polos membros do tripartito (Troika Mugardesa), non hai dúbida de que, a negativa a ser sinceiros e transparentes nas negociacións, levan aos membros de BNG-EU-PSOE a caer en continuas contradiccións que non fan máis que amosar que as diferencias existentes radican nas cotas de poder e as condicións leoninas impostas por uns e outros para asinar o acordo na busca dos seus obxectivos particulares.

Fagamos memoria:
  • O 22 de decembro de 2012 falan de inicio de negociacións. O 26 de xaneiro xa recoñecen que o "período de colaboración" ven dende outubro. A realidade é que o acordo Sr. Barcia-Sra. Pilar Díaz no departamento de Servicios Sociais ven dende principios de 2012 e que o acordo das organizacións no resto dos departamento existe dende setembro de 2012
  • O 22 de decembro falan de "encontrar unha solución que permita abordar os retos diarios que plantexa a xestión da administración municipal e o impulso de políticas que favorezan a realización de novos proxectos". O 26 de xaneiro "EU quere un cambio de goberno e non participará dun goberno cuxo obxectivo sexa dar continuidade á xestión actual". Esos novos proxectos conxuntos e os retos diarios transfórmanse na negativa a participar. O único problema de xestión que teñen EU e PSOE para firmar o acordo públicamente é que non van firmar ata que o Sr Barcia abandone a Alcaldía e os deixe gobernar a eles.
  • O 17 de xaneiro falan do acordo programático e de xestión acadado entre as comisións negociadoras de BNG-EU-PSOE. O 19 de xaneiro fala EU de que "o BNG pretende alterar a vontade da cidadanía" , baseado nun acordo xa adoptado o 9 de xaneiro co propio BNG. Só pode existir unha aclaración imprescindible neste momento. ¿Quénes adoptaran os acordos: persoas individuais con intereses e obxectivos persoais, ou representantes de organizacións con intereses e obxectivos colectivos? Sospeito que a resposta correcta é a primeira.
  •  O 22 de decembro de 2012 falaba o Troika dun inicio de negociacións motivada pola crise económica, as políticas do PP, a debilidade do BNG ou as cifras de paro. Se eran estás as motivacións que os levaban a acadar acordos programáticos e de xestión, ¿porqué o 26 de xaneiro de 2013 as discrepancias veñen das cotas de poder, de órganos de xestión que pouco ou nada teñen que ver coa loita contra o paro, ou as propostas para paliar a crise económica?.

sábado, 19 de enero de 2013

Os tontos miran o dedo




“Cuando el dedo señala la luna, los tontos miran el dedo”



Este famoso proverbio chinés é o resumo que mellor explica a situación política, que semella ser de transición ao Barcismo,e que está a vivir o Concello de Mugardos nestas últimas datas con comunicados, contracomunicados e supostas filtracións, relativos a unhas negocacións que están máis que masticadas e dixeridas dende fai meses, como demostra o silencio de PSOE e EU nos Plenos e comisións dende o mes de setembro, do que xa vos falei na entrada do Pacto da Troika.


Pero, ¿que é o que os leva a mudar agora a posición pública? Analicemos que cambiu.
Unha vez máis, voume centrar nas declaracións de EU, por ser as que máis incoherencias e contradiccións continuas plantexan.

Di hoxe sábado EU no seu Blog, que " Se o acordo fracasa, ao grupo de goberno, é dicir, ao BNG só lle quedará un camiño: voltar a recibir o apoio, para as súas políticas, dos mesmos a quen manifesta combatir".
Refírese ao PP. E partindo de aquí xurden moitas preguntas.


miércoles, 16 de enero de 2013

"As Lagoas" mentais dalgúns concelleiros

Hoxe vou falar dun novo exemplo do tripartito na aplicación do rodillo, e do estilo “digo unha cousa, fago a contraria”. Nesta ocasión, foi para aprobar a suba das taxas da Escola Infantil “As Lagoas”, coas as que o 60% dos usuarios van pagar máis.


Vou trasladarvos algúns dos argumentos de pais e nais de usuarios da escola infantil nas súas alegacións ás taxas do tripartito, que non foron tidos en conta nin mereceron o máis mínimo comentario no debate por BNG-EU-PSOE:


“Me obligaría a retirar a mi hijo, no creo que sea justa”. “Expreso mi disconformidad con las tarifas, me parece exagerada. La revisión de tarifas en base al IPREM no se aplica con ocho tramos sino con cuatro y mucha gente se ver perjudicada”.“En caso de hacer efectiva esta subida me veré en la obligación de prescindir de este servicio”, “Paréceme excesiva, eu traballo cunha reducción de xornada e ao mellor véxome obrigada a sacar a nena da Escola e ao meu pesar, xa que para min é unha axuda e ela vai encantada”. “Os tramos do IPREM polos que se aplican as cuotas non coinciden coas publicadas no Decreto 49/2012, pasando de oito a catro tramos. Nin tampouco coinciden cos vixentes no momento en que matriculei ao meu fillo”.
E así sucesivamente.. Esta é a realidade e non outra. 


domingo, 13 de enero de 2013

O pacto da troika mugardesa



Esta entrada ten a finalidade de aclarar os intereses, que na miña opinión, teñen uns e outros no famoso "acordo" tripartito. 
E parto dunha idea: Un pacto non é negativo se os intereses a defender son os comúns, e non os persoais.
 
Logo das eleccións municipais, o BNG tiña 4 concelleiros e chamou á porta do PSOE para negociar goberno ou gobernabilidade. Aínda que con ese apoio non se chegaba á maioría (sumarían 6 concelleiros, e a maioría son 7), proporcionaba estabilidade. O PSOE dixo que non entrarían no goberno, pero podían dar apoios puntuais.
Non se falou con EU oficialmente (aínda que si houbo un achegamento oficioso), pois era de sobra coñecida a súa condición de non aceptar nada estando Barcia; e tampouco a número 2, esta concelleira, era do seu agrado. Non o digo eu, dixérono eles, podedes velo aquí.
Tampouco se falou co PP. Aínda que deu apoios puntuais en anteriores lexislaturas, a unión BNG-PP non se consideraba.

Entre EU, PSOE e PP si houbo intensas negociacións, especialmente PP e EU, que evidentemente non frutificaron; pero visto o debate, escoitar a voceira de EU dicir que igual que fala co BNG podía facelo co PP, chégase á conclusión de que aquí de política, nada; interese polos veciños, tampouco. O único que lle importa é gobernar con quen sexa (que lle deixe gobernar, claro).
Porque no mesmo debate di que pacta co BNG para defender aos seus veciños dos recortes do PP.¿Pero para qué pacta? ¿podería pactar co PP para loitar contra os recortes do PP? ¿pacta co BNG para loitar contra os propios recortes do BNG no concello, que os hai?
Non, EU e BNG pactan porque os seus voceiros están cegados por gobernar.

jueves, 3 de enero de 2013

"Desmonta el chiringuito"


Ese foi o labor que se me encomendou cando comecei a miña andadura como Concelleira de Benestar do Concello de Mugardos. “Desmonta el chiringuito de Pilar”. Esas foron as palabras textuais do Alcalde.

Os  Servicios Sociais, a concellería de Benestar,  son un “reino” da voceira de EU dentro do Concello, e se veñen seguindo as suas indicacions e premisas "clientelares" dende fai tempo, como os meus propios compañeiros do grupo de Goberno me transmitiron cando cheguei.
Entendín que a misión era reorganizar,equilibrar, baremar, vixiar que se cumpriran os criterios da normativa vixente en cada caso,  coa debida equidade e xustiza.
Igual para todos. A eso me puxen.

Dado que nos últimos días volvín ler, escoitar e ser preguntada polos motivos  que me levaron a marchar, e porque sempre é bo iniciar unha nova dinámica coa mochila lixeira de equipaxe, non tiven problemas en contalos no seu momento, e non teño problemas en facelo novamente, especialmente dados os comentarios, infundios e calumnias sobre o meu labor dentro do Goberno, e especialmente dende que abandonei e pasei a formar parte dos concelleiros non adscritos.