jueves, 26 de septiembre de 2013

Pleno Ordinario 27/setembro/2013

Mañá venres, 27 de setembro de 2013, terá lugar ás 19.00h no salón de Plenos do Concello de Mugardos, o pleno ordinario do mes de setembro, aberto ao público. 
A continuación, orde do día (entre paréntese a miña opinión/ valoración):

1 . Aprobación acta anterior

2. Ordenanza fiscal polo uso do compo de fútbol da Pedreira. Sairá adiante cos votos de BNG- EU-PSOE e PP. (Eu decidirei o voto no Pleno,cando se xustifique o retraso e como pode ser que se soporte un custe de 30€/hora en limpeza e portería. Custe, por certo, utilizado para o cálculo do que se lle vai cobrar á xente cando alquile o campo. Por ese prezo, sairían máis barato contratar o servizo de limpeza e portería e crear un posto de traballo).
 
3. Ordenanza fiscal do servizo de incendios e salvamentos . Sairá adiante cos votos seguros de BNG-EU- PSOE e teño dúbidas co voto do PP, que fixo propostas na comisión. ( Esta é a ordenanza que regula o cobro cando actúa o GES, e ten tan pouca explicación como a anterior. Leva o GES traballando semanas e fai meses que sabían que íamos telo, pero ninguén planificou que houbera ordenanza. As explicacións que se deron na comisión sobré o texto...¿pois qué decir? Por poñer un exemplo, o presidente da comisión, Sr. Bouza non foi quén de respostar pregunta algunha, tivo que ser a Sra. Díaz a que botara unha man, e xa todos sabemos o que sabe esta muller de impostos e taxas....sabe tanto, que un día dixo que o imposto do IBI (contribución) é progresivo...ignorancia atrevida chámanlle algúns). 

4. Adxudicacións de postos vacantes no mercado municipal. Sairá adiante cos votos de BNG-EU-PSOE-PP. (Eu non comparto o procedemento de asignación de postos. Penso que antes de dar postos novos deberían ter preferencia os usuarios existentes, que levan anos tentando sacar adiante o noso mercado, con pouca o nula axuda do Concello).

5. Ratificación das Resolucións da Alcaldía 686 e 710. Sairán adiante. Na primeira, pola miña parte, non haberá unanimidade. A Resolución 686 presta aprobación ao expediente para revisión da delimitación do núcleo rural de A Redonda e O Baño presentados por OgPA, empresa encargada do Plan de Urbanismo. O meu voto débese a nula transparencia que se está dando a este procedemento. A Resolución 710 é a que fixa os festivos locais en Mugardos, que no 2014 a Alcaldía propón que sexan o 7 de xaneiro e o 10 de xuño)

6. Dar conta do informe do 2º trimestre sobre o pago de obrigas. (Os que seguides o blog xa sabedes que os puntos de dar conta non permiten debate, co cal non teremos explicación de porqué o Alcalde di que o Concello de Mugardos non ten débedas, e por contra este informe, que tomaron o seu tempo en traer porque é ata o 30 de xuño, di que o Concello ten pendente de pago 537.662,27€ (dos cales 396.220,64€ están fora do prazo legal de pago para as administracións públicas). Logo din que están por axudar ao pequeno comercio, e aos pequenos empresarios).

7. Moción do PP relativa ao rexeitamento e condena do terrorismo. Non penso que se aprobe, BNG-EU votarán en contra, e o PSOE pode que tamén. (É difícil saber o que vai acontecer con esta moción. O PSOE non mantivo a mesma postura en todos os concellos nos que se presentou, e no Concello de Mugardos ten connotacións complexas que exceden o político, ainda que espero que non sexa así. Eu nacín en democracia e penso que todas as ideas, todas, incluso as máis alonxadas do meu pensar, poden e deben defenderse nas institucións con votos, non con armas).

8.  Moción do PP instando ao Alcalde a presentar os orzamentos de 2014. Non se aproba seguro. Votarán en contra BNG, EU e supoño que PSOE. (Sorprende a presentación da moción, posto que insta ao Alcalde a cumprir a lexislación, que di que deberán presentarse os orzamentos dun ano o 15 de outubro do ano anterior, como moi tarde... claro que ás veces, ao goberno municipal de Mugardos é certo que hai que lembrarlle que a lei hai que cumprila, e o regulamento, e as sentezas xudiciais...

9. Dar conta das condolencias por asasinatos por violencia de xénero.

10. Dar conta as resolucións da Alcaldía do mes de setembro

11. Rogos e preguntas. As miñas preguntas son:
- de resposta escrita:¿Porqué non se lles desconcou o día da folga do 12 de xuño de 2012 aos traballadores do Concello de Mugardos como di a lexislación vixente?. ¿Cal é o motivo das contradiccións existentes entre as declaracións públicas nesta mesma sala de Plenos do Alcalde que di que o Concello de Mugardos prácticamente non ten débedas , e o informe que se trae a das conta a este Pleno que di, que logo do 2º trimestre, o Concello ten débedas fora de prazo por 396.220€?
- de resposta oral: ¿Cal é o motivo de que non coincidan os datos do númeor de usuarios de dependencia entergados o luns 16 de setembro en comisión coas resolucións de Alcaldía das que se da conta nos Plenos ordinarios?. ¿Cal é o motivo polo que non se aplica o convenio colectvo ao persoal de limpeza de praias e si a outro persoal tamén laboral do Concello de Mugardos?


Aos que pensades que non digo a verdade, vide mañá ao Pleno e poderedes comprobalo.
Aos que pensades que digo a verdade, vide ao Pleno e apoiade.
Pero o máis importante, se tedes oportunidade, ¡vide ao Pleno...que non volo conten!

jueves, 29 de agosto de 2013

Pleno Ordinario 30/agosto/2013

Mañá venres, ás 20.00h, no salón de Plenos do Concello de Mugardos, celebrarase o Pleno Ordinario do mes de agosto aberto ao público.

Estos serán os asuntos a tratar: (ente paréntese a miña traducción/opinión):
 
1. Moción do PP sobre acceso á información dos expedientes por parte do Concelleiros (este é xa un tema recurrente. A Troika mugardesa presenta graves carencias no que respecta á transparencia no acceso á información. A maiores do acceso á información segundo marca a lei, o PP pide ter acceso aos expedientes polo sistema SIGEM, sistema informático xa implantado no Concello, que permitiría aforrar cartos ao Concello, e tempo a traballadores e políticos. A miña aposta é que esta moción non se vai aprobar. BNG-EU-PSOE votarán non (dirán que pensan que é ilegal, ou que require informe, ou algo así). É unha aposta arriscada o voto negativo do PSOE, tamén podería ser unha abstención, pero dado o seu modo de facer oposición responsable, eu aposto polo voto negativo. Eu votarei a favor). 
2/setembro/2013 EDITO: o PSOE decidiu absterse, o resto quedou como xa dixera.

2. Moción do PP sobre procedementos urbanístico pendentes (Aquí pide o PP que elabore un informe de expedientes urbanísticos pendentes e que se resolvan nos prazos establecidos por lei. Aquí o voto en contra de BNG está claro, o Alcalde leva negando a maior meses, e Bouza, ex-concelleiro de urbanismo non vai recoñecer o retraso existente da súa etapa. EU pode decir que vota en contra porque dende que están eles resolven todo en prazo (claro, que o problema é o xeito de resolvelo, pero eso queda para outro día), o PSOE non tería motivo obxectivo para votar en contra, posto que eles mesmos se teñen queixado do retraso nalgúns expedientes. Eu votarei a favor) Penso que esta moción podería sair adiante
2/setembro/2013 EDITO: o PSOE sorprendeu co argumento de que non hai nada pendente en urbanismo. Logo de lerlle eu 2 resolucións q precisamente foron a ese pleno, de expedientes de 2010... Non mudou de opinión. Porque ao PSOE de Mugardos as probas non lle sirven se veñen da Concelleira non adscrita...ainda que perxudiquen aos seus veciños e veciñas. Eles están en política co obxectivo de que eu marche, non de mellorar as cousas...seguro que hai algún obxectivo máis que teñen, pero que "non coñezo"...

3. Moción da concelleira non adscrita sobre as tarefas e retribucións do persoal de Limpeza de Praias 2013 (O persoal de limpeza de praias foi contratado para unhas tarefas, marcadas pola Deputación, que é quen da a subvención para a contratación, e que di claramente que é para limpeza de praias marítimas e o seu contorno. Levarei probas de traballadores deste programa facendo tarefas que non lle corresponden (seguro que a outros tamén contratados con subvención, non lles piden que fagan tarefas para as que non foron contratados), e eles simplemente fan o que manda a Sra. Pilar Díaz, obviamente. Tamén sorprende que non limpan zoas que si corresponden (por exemplo, no Seixo). A maiores, resulta que non sei porqué motivo, a estes traballadores de servizo de limpeza de praias non se lles aplica o Convenio de persoal laboral, e páganlles moito menos que o resto do persoal do Concello contratados como peóns. Non teño que decir que esta moción non sairá adiante BNG-EU-PSOE votarán non. ¿¿Porqué?? pois temos a opción de que sexa porque din que son unha tránsfuga, de que roubei un acta, de que sempre minto, de que non son concelleira como eles, de que non fago máis que faltar ao respecto, de que non represento a ninguén, de que eles non falan dos asuntos de persoal nos Plenos... as excusas de sempre para non falar do tema que trata a moción, e con cero datos que avalen os seus "argumentos". A outra opción é que non digan unha palabra e se limiten a votar en contra. O que sería o mellor exemplo do que xa comentei na entrada anterior. a defensa dos traballadores do Concello por parte da Troika non é tal. Nin é a todos os traballadores, nin son todos os traballadores iguais).
2/setembro/2013 EDITO: acertei 100% coa salvedade de que foi a Alcaldesa a que neste caso negou a maior. É todo mentira di. Pois o comprobaremos. O tempo da e quita razóns.

4. Dar conta do informe sobre obrigas pendentes de pago (O anxo da guarda do Señor Alcalde debeu marchar de vacacións prolongadas, porque logo de negar no Pleno Extraordinario do pasado venres unha e mil veces que él gardara facturas no caixón... ben a este Pleno un informe que di textualmente "existen tres obrigas pendentes de pago vencidas, líquidas e esixibles antes do 31 de maio de 2013, pero non están contabilizadas por non estar o gasto autorizado". Esto qué significa?. Que se recibiron 3 facturas por algo máis de 65.000€,pero que non se pagan porque non se contabilizaron. E porqué non se meteron na contabilidade?  porque o órgano que ten que aceptalas non o fixo. Así, eu podo concluir que cando o Alcalde di que non ten débedas, non di a verdade. Débedas ten, pero non contabiliza, "mete a factura no caixón" e fin do problema. Este punto non se vota. e probablemente nin deixen falar).

5. Dar conta das resolucións ditadas pola Alcaldía dende o Pleno anterio. Repito, o anxo da guarda do Señor Alcalde debeu marchar, e ben lonxe de vacacións... das pouco máis de 120 resolucións que van ao Pleno, aproximadamente 50 teñen algún erro, ben sexa administrativo, accidental, intencionado ou sen intencionar... é indiferente. O caso é que os firmantes de ditas resolucións Alcalde ou Alcaldesa-Accidental, e secretario, firman sempre conxuntamente. ¿Pois alguén terá a responsabilidade de ler o que se firma en nome do Concello de Mugardos, non?.
2/setembro/2013 EDITO: o Señor Alcalde decidiu non respostar a ningunha das miñas preguntas sobre as súas resolucións. que foron 4. Outro que goberna  co obxectivo de que eu marche e non para asumir que cando un goberna, a opisición controla e fiscaliza (excepto o PSOE, que predica pero non practica). O mesmo que co tema da limpeza de praias da Señora Alcaldesa, veremos quen tiña razón.

6. Rogos e preguntas. Aquí hai novidades. O Alcalde, dende o novo regulamento que só permite facer 2 preguntas de resposta oral e duas preguntas de resposta escrita, neste punto daba conta das respostas ás preguntas escritas plantexadas no Pleno anterior, pois esas ten 20 días de prazo para respostalas. Este mes non da conta de ditas respostas. ¿O motivo? pois que a min non me respostou ás miñas preguntas, co cal non podería dar conta e quedar el mal. As preguntas, que repito neste Pleno a ver se teño sorte, eran: Primeira: ¿Que traballadores con centro de traballo asignado no Concello de Mugardos asisten ao seu posto unha tarde á semana e os sábados pola mañá, como di o Convenio Colectivo e o Acordo regulador vixentes?. E segunda ¿Por que non se lles descontou o día da Folga do 12 de xuño de 2013 nas nóminas aos traballadores do Concello de Mugardos como dí a lexislación vixente?.
2/setembro/2013 EDITO: o Alcalde dixo que non podo facer preguntas. Logo de pedir o cumprimento do Regulamento ao longo do Pleno en tantas ocasións, foi el quen decidiu que como é Alcalde ten a potestade de cumprilo ou non. Unha vez máis, veremos  quen tiña razón. Do abandono do Pleno de EU, da petición do PSOE de parar esta situación e do resto do acontecido, falarei cando haxa acta.

Aos que pensades que non digo a verdade, vide mañá ao Pleno e poderedes comprobalo.
Aos que pensades que digo a verdade, vide ao Pleno e apoiade.
Pero o máis importante, se tedes oportunidade, ¡vide ao Pleno...que non volo conten!
 


lunes, 26 de agosto de 2013

Quen cho dixo (26/08/2013)

¿Sabedes que...


... Que a voceira de EU, Pilar Díaz, Super-Presidenta do Imperio onde nunca se pon o sol, firmou esta notificación de incoación de expediente de medioambiente cando estaba de Alcaldesa Accidental a principios deste mes?

...que nos arquivos municipais constan comunicacións cunha desas persoas de apenas uns días antes da notificación do expediente no Boletín Oficial da Provincia?

...que precisamente era ela, a Alcaldesa Accidental quen recibía as comunicacións da persoa en cuestión co Concello?

...que obviamente a persoa está viva?

...que afortunadamente en Mugardos é imposible atopar aos herdeiros dunha persoa que está viva? que por tanto, é imposible notificar aos herdeiros?

...que eso só pode entenderse se a Alcaldesa Accidental se pensa que esto é Cuarto milenio, ela é a Iker Jiménez Mugardesa e viaxa na nave do misterio?

... Que seguramente a esto tamén chamaranlle "erro administrativo"? Dígocho eu

domingo, 25 de agosto de 2013

Quen cho dixo (25/08/2013)

¿Sabedes que...

... o día 13 de abril de 2013 entrou en vigor o convenio colectivo e acordo regulador dos traballadores do Concello de Mugardos? que estaban sen convenio dende 2004?...ainda que algúns tiñan conviccións políticas e acordos tácitos para negar a realidade

... que tanto acordo tácito e convicción política o único que fixo foi que o Concello perdera case todos os xuizos? igual por eso suben impostos, para poder pagar avogados e procuradores duns xuizos que se sabe que se perden antes de empezar

... que nese novo convenio di que os traballadores teñen que ir ao Concello unha tarde á semana e os sábados pola mañá? Non van. NUNCA. Preguntados Alcalde e Alcaldesa polo motivo de tal incumprimento... non responden

... que dende abril, nin o Alcalde nin a Alcaldesa do Imperio onde nunca se pon o sol osaron pedirlle aos traballadores que cumplan o convenio no que respecta ao horario? pero pediron cartos dos veciños nun Pleno si e noutro tamén, con subas de impostos e taxas.

... que no convenio tamén di que non se poden pedir as vacacións en máis de duos períodos? que piden as vacacións en tres partes mínimo o funcionario que máis cobra do Concello, e un que representa polo que parece máis os seus intereses que os do resto? e o Alcalde e a Alcaldesa do Imperio onde nunca se pon o sol non dixeron nin palabra

... que o Convenio di que os traballadores teñen que facer 37,5 horas á semana, esto é, 1.642 horas ao ano? que por poñer un exemplo, nos meses de xullo e agosto os traballadores do edificio do Concello farán  32,5h á semana? que o resto do ano, ata o momento fixeron 35h á semana?... que o Alcalde e a Super-Presidenta do Imperio onde nunca se pon o sol...caladiños, caladiños

... que cando a Alcaldesa do imperio onde nunca se pon o sol era unha "humilde voceira dun humilde grupo municipal", xa se queixara de que non os traballadores non cumprian o horario? Ai, que mala memoria...xa se sabe, digo y Diego...

... que no Pleno onde se aprobou este convenio, ante as miñas manifestacións de desacordo co texto, un Concelleiro dixo que se eso pasara na empresa onde el traballa, que non sabía o que podería acontecer? que de feito xa pasa, concretamente a el, porque el non fai todas as horas na súa outra empresa, que tamén é a de todos, pero cobra full-equip...que cousas...

... que nese novo convenio dise que as axudas anuais á estudos para os 55 traballadores do Concello terán un importe anual de 3.000€ cun máximo de 900€ para un traballador? que nas axudas á escolarización e transporte que acaban de aprobar BNG-EU-PSOE para os 5.469 veciños e veciñas de Mugardos o importe tamén é de 3.000€? un pouquiño desaquilibrado

... que a realidade é que cando BNG-EU-PSOE falan de defender aos traballadores, refírense a un grupo de traballadores, os privilexiados que traballan no Concello??... non se refiren aos veciños traballadores, nin aos que lamentablemente agora non están traballado, que son os
que pagan as dádivas graciables dos políticos con medo, que non son capaces de facer cumprir o Convenio que eles mesmos aprobaron, pero esixen esforzos económicos aos veciños para pagalos...

... que a culpa non é dos traballadores? é dos políticos aos que os seus discursos demagogos levoulles ao absurdo de esquecer que eles están aí como representantes do pobo, non como representantes sindicais... que xa os ai no Concello

... que se a Troika non cumpre o Convenio que aproba, por qué hai que pagar os impostos que suben? dígocho eu


jueves, 22 de agosto de 2013

Pleno Extraordinario 23/agosto/2013

Mañá venres, ás 10.30h, no salón de Plenos do Concello de Mugardos, celebrarase un Pleno Extraordinario aberto ao público.

Estos serán os asuntos a tratar: (ente paréntese a miña traducción/opinión):
  1. Aprobación de actas anteriores
  2. Aprobación inicial do Regulamento de prestacións económicas dos Servizos Sociais Comunitarios (básicamente copiado, ¡¿que raro?! esta vez do Concello de Málaga....e despois critican a Urgangarín, que cobraba por informes que non facía. ¿Que pasa cos que copian regulamentos? que eu saiba tamén cobran...).

miércoles, 21 de agosto de 2013

Quen cho dixo (21/08/2013)

¿Sabedes que...

... na comisión de Facenda do luns aprobaron BNG-EU-PSOE facer exenta á Xunta de pagar o IBI (recibo da contribución) cando se lle traspase o Centro de Saúde? Fíxerono por urxencia, como cando no Nadal aos veciños nos subiron a Rodaxe, as Plusvalías, etc. urxentemente...claro que saiulle máis a conta á urxencia á Xunta, que non vai pagar...

... nesa mesma comisión, eu propuxen que non se pagaran os recibos de contribución de importe menor de 8€? porque facendo contas, é case máis caro a xestión administrativa que o importe, e porque son terreos e vivendas case sen valor...Que BNG-EU-PSOE dixeron NON á exención ata 8€

... propuxen que existera una bonificación do 95% da Contribución para os inmobles onde se desenrrolen actividades de interese ou utilidade municipal por circunstancias sociais, culturais, histórico-artísticas ou de fomento do emprego? Que BNG-EU-PSOE dixeron NON a esa bonificación

... polo que dixeran, o pacto de goberno fora para loitar contra o desemprego e axudar á xente, pero din que non a que paguen menos na Contribución actividades que fomentan o emprego? o final vai ser que o pacto fora por outra cousa...

...tamén propuxen que aparecera no texto, para que a xente a coñeza, que existe unha bonificación do 95% no recibo da contribución para os terreos rústicos das cooperativas agrarias? Que BNG-EU-PSOE dixeron NON tamén a eso...

... propuxen bonificacións para asentamentos poboacionáis singulares pola importancia das actividades agrícoloas, gandeiras, forestal, pesqueiras ou análogo (marisqueiro, por exemplo), para a xente con sistemas de placas solares na casa, para familias numerosas (segundo a renda), etc?...Que BNG-EU-PSOE dixeron NON... parecían Amy Winehouse " they said no, no, no"...igual tamén coma ela deberían ir a rehabilitación de tanto poder...

...que moito apoio de palabra ás coperativas, contra o desemprego, aos nenos na guardería, no comedor, no colexio, pero á hora da verdade, a que non paga a contribución é a Xunta, pero os veciños e veciñas si? Que ás familias se lle subiron a Escola Infantil, o Comedor, a Ludoteca, a contribución, rodaxe, actividades deportivas e culturais...

... O mesmo o refrán en Mugardos sería "a Dios rogando, y con el mazo y la hoz, dando"? dígocho eu

lunes, 19 de agosto de 2013

Quen cho dixo (19/08/ 2013)

¿ Sabedes que....

... Houbo erros na liquidación do "Espacio Infantil de Xogo" (tamén chamado ludoteca)? Que raro...

... Que non se van resolver os erros administrativos do "Espacio Infantil de Xogo" ata que volva "a técnica municipal"? Con caaaalma...

... Que a Supra-Alcaldesa Sra. Díaz -Presidenta do Imperio onde nunca se pon o sol, non sabe a lista de espera de Servizo de axuda no Fogar? Non podo crelo...hai que esperar a setembro...vese que supendeu....

... Que a super- presidenta non sabe/non contesta sobre a lista de espera do Servicio de Axuda no Fogar? pero cando unha persoa denunciou no Valedor do Pobo que non atenderon á sua sogra, a super-presidenta  non tardou nada en  respostar que xa non estaba na lista...lamentablemente porque xa era tarde....Mágoa que non tivera a mesma presa para atendela a tempo....

.... Que tampouco sabemos porqué se sube o prezo do comedor escolar porque non houbo queixas dos pais e nais? pero o curso que ven vai costar máis que este curso, ainda que os salarios non suban...algúns invitan, outros pagamos...

.... Que non sabemos porqué se subiu a escola infantil beneficiando á empresa e perxudicando aos usuarios que pagarán máis polo mesmo servizo? Amigoooo

.... Que subiron tamén a ludoteca co mesmo razonamento... Beneficio para a empresa...

.... Que a suba de comedor,Escola Infantil e Ludoteca (agora "Espacio Infantil de Xogo"...máis molón) só benefician a empresas, non a usuarios?....

... Que BNG-EU como goberno benefician ás empresas e non aos usuarios? ainda que o pintan de cores...as empresas recadan máis porque os usuarios pagan máis, e o Concello pon cada vez menos...

... Que o PSOE existe? porque apoia todo esto.... dígocho eu!!!!

martes, 13 de agosto de 2013

Quen cho dixo (13/08/2013)

¿Sabedes que...

... Terracear é deporte de alto risco no Concello de Mugardos? Se tes terraza ou se as usas, leva casco, pero de plástico...na rúa, só plástico, que o di a xefa.

... Os hostaleiros están que trinan? levan xa aguantadas tantas fotos para os informes municipais, que están por enmarcalas e poñelas no salón da casa

... O trato non é igual para todos os hostaleiros? que o argumento principal podería ser "E ti de quén eres?"

... que os supostos 90 centímetros que deben deixarse dependen da "vara de medir" dalgúns políticos? que se aplican para terrazas "inimigas", pero para outros menesteres...eche o mesmo!!

...Din dende o goberno municipal que os hosteleiros teñen que pagar por ocupar o espazo público?? que se hai algún okupa en Mugardos é o Concello?? que okupa fincas para aparcar... non paga...e non ten nin acordo escrito (ainda que igual, logo de meses, xa se lembraron de facelo...xa se arranxasen o peche, sería estupendo)

... algún acabará gritando "fotos no"??? díghocho eu

domingo, 26 de mayo de 2013

Camiño do Xulgado



Dende o 15 de maio de 2013, por fin podo asistir a todas as comisión informativas do Concello con voz e voto.
No Pleno extraordinario do día 20 de maio, os grupos municipais do BNG, EU e PSOE acordaron no 4º punto da orde do día, limitar as indemnizacións por asistencias que podo cobrar, como podedes ler aquí. Esto quere decir que, ainda que asista e poda votar, non me van pagar as comisións de Obras, Urbanismo, Cultura e Facenda. Só me pagarán unha, Benestar.

Como podedes ver nas miñas intervencións nese Pleno, a decisión adoptada considero que é manifestamente ilegal e claramente discriminatoria, posto que os demáis concelleiros e concelleiras cobran por asistencias ou por adicacións.
Tomar decisións inxustas a sabendas é un delito tipificado no código Penal como prevaricación, que pode conlevar para autoridades e funcionarios públicos multa, suspensión de emprego e/ou inhabilitación.

domingo, 12 de mayo de 2013

As mentiras dependentes


Probablemente, non sexa este o mellor momento político para facer esta entrada, pero precisamente polas novas que se están a ler constantemente nos medios, que si reflicten feitos reais e intolerables, como este, este, este, ou tanto outros que podería poñer, inicio hoxe unha serie de entradas adicadas ao Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Mugardos, porque non pode  taparse unha realidade mugardesa froito do mal goberno, con feitos que aquí non aconteceron. Probablemente esos recortes chegarán ao noso Concello como a todos. Pero ata este ano, non foi así, e a perda de miles de euros de subvención non ten nada que ver con recortes de fora, ten que ver coa pésima xestión municipal. E unha vez máis, os pratos rotos págannos os usuarios e as súas familias. 

Xa van moitos Plenos, moitas comisións e moitas declaracións públicas nas que o Alcalde e aqueles que con el queren negar a realidade, din que no Concello non hai un problema na xestión do Servizo de Axuda no Fogar (en adiante SAF).
Ao SAF pode accederse de dous xeitos: ben pola Lei de Dependencia, ou ben polo servizo municipal, chamado libre concorrencia ou prestación básica. Para acceder pola vía da Dependencia é a Xunta a que pon as condicións, fai unha valoración de grao e nivel e asigna un recurso idóneo (dende teleasistencia, pasando por SAF, centro de día, residencia, etc). A posterior entrada no servizo, decídea o Concello. No segundo caso, na prestación básica, é o Concello o que pon as condicións, fai a valoración e tamén decide quen accede e quen non.

Voume centrar na atención á Dependencia posto que o que se está a escoitar continuamente é que a Xunta diminuiu a subvención. E non é mentira. O que si é mentira é o porqué.

sábado, 4 de mayo de 2013

Non hai Plan



Esta entrada ven motivada pola pregunta realizada nun comentario onde se plantexaba a posibilidade de denunciar o contrato coa empresa redactora do Plan de Urbanismo.
Xa respondo, e penso que non, non se pode denunciar. A realidade é que se alguén é culpable dos retrasos na elaboración do Plan é, prinicpalmente, o Concello de Mugardos.

A información que aporto nesta entrada é froito do estudo dos expedientes administrativos obrantes en dependencias municipais e da revisión dos rexistros de entrada e saída do Concello dende o mes de setembro.

miércoles, 24 de abril de 2013

Si se pode



Como xa comentei nunha resposta na entrada anterior, o Alcalde fixo unha providencia instando á modificación e posterior aprobación dunha nova taxa para a Escola Infantil.

O primeiro e principal é felicitar aos pais e nais da escola infantil que non deixaron de queixarse, non esqueceron  que defendían os seus dereitos,  cousa que non fixeran os seus supostos representantes políticos no Concello. Para todos eles, a miña máis sinceira noraboa. 

O motivo do cambio de actitude do Alcalde ven motivado pola suxestión do Valedor do Pobo, quen recibiu unha queixa dun pai usuario do servizo da Escola Infantil Municipal do noso Concello.

Ante a suxestión realizada polo Valedor, motivada polo que consideraba, e cito textualmente, que a taxa aprobada por BNG, EU e PSOE "non se axusta a principios tributarios esenciais de progresividade e xustiza distributiva" a primeira resposta do Alcale foi decirlle, pouco menos, que non era quen o Valedor de inmiscuirse no autogoberno municipal. O Valedor interpretou a resposta do Sr. Barcia como unha negativa a asumir a súa suxestion, e informou ao Alcalde da intención de facer constar no seu Informe Anual de actividades a decisión adoptada polo Alcalde.

viernes, 12 de abril de 2013

A causa do mal causado


Tendo en conta os comentarios recibidos estos días na rúa, e neste blog, non podo deixar de manifestar a miña opinión sobre o asunto da cruz sempre dende un principio de uso común no mundo do Dereito: “A causa da causa é causa do mal causado”
Esto quere decir que aquelo que orixina o mal é considerado como causa do mesmo e, polo tanto, responsable do mal causado.
A cronoloxía dos feitos é xa máis que coñecida, comentada na prensa, e nos blogs municipais de EU e PP.

Das preguntas realizadas por esta Concelleira e as respostas recibidas dos responsables das diferentes áreas do concello implicadas na solución do caso, as miñas conclusions son as seguintes:
-A cruz foi retirada por un grupo de persoas da candidatura de EU dunha propiedade privada, sen autorización dos propietarios.
- A cruz ten unha protección patrimonial por atoparse en zona de afectacióndun ben catalogado, como é o Castelo da Palma, e polo tanto se precisa autorización de Patrimonio para o seu traslado, e  non o tiñan.
- Non se fixo entrega do obxecto á Policía Local,  senon que foi deixada na oficina do Rexistro.
- As declaracións feitas por EU e BNG na prensa non respostan á realidade dos feitos.

sábado, 30 de marzo de 2013

¿incongruencia? ¿incompetencia?


Na comisión de Benestar do pasado luns 18 de marzo, o goberno do BNG levou unha proposta de prego de condicións do comedor escolar. Esto é, sacar a concurso público o servizo de comedor que se está a prestar o Concello no centro de Unión Mugardesa.
O importe do menú que se propón é de 5,24€/menú.
O importe máximo a pagar polas familias é de 5,15€/menú.
Esto significa que o Concello de Mugardos paga a todos os alumnos e alumnas 9 céntimos do menú. Independentemente  da súa renda, todos son bonificados con 9 céntimos todos os días.
 
Ata aquí todo correcto, senón fora porque no momento de aprobar as taxas da escola infantil, tamén municipal como o comedor escolar, estas foron algunhas das declaracións da Señora Díaz, voceira de EU. Busquei as do presidente da comisión de Benestar e as do presidente da comisión de Facenda, Señor Barcia e Señor Bouza respectivamente, pero non hai. Aquel día tocáralle a Pilar defender a proposta no Pleno como membro da Troika gobernante...que tempos aqueles...(as declaracións feitas polo Sr. Bujones non as poño porque como xa dixen noutra entrada, aquel día non estivo moi afortunado). A Sra. Díaz dixo:

lunes, 18 de marzo de 2013

Novo prazo praza policía local


Debido a un erro (que raro) nas bases inicialmente publicadas para a formación dunha lista aberta para a contratación laboral temporal de auxiliares de policía local, volve abrirse o prazo da convocatoria, dende hoxe mesmo ata dentro de 10 días naturais, esto é, ata o mércores 27 de marzo.

A bases iniciáis son estas
Os Artigos modificados son estos

Persoalmente, sinto moito que non se cubra permanentemente a praza do Policía xubilado o año pasado. Esta lista, polo que se transmitiu na comision, será para cubrir dita praza temporalmente, nos periodos de verán e supoño que momentos puntuáis, xa que pola lei autonómica non pode contratarse máis de 4 meses ao ano como podedes ver na Lei 4/2007 de coordinación de policía local que regula estos aspectos.

Para os que din que traballan polo emprego público de calidade, esto é o que fan. E neste punto incluo ao PSOE e EU, que durante o seu periodo de goberno oficioso, durante o periodo da Toika, apoiaron esta convocatoria de contratación temporal, e non a cobertura da praza fixa, como permite a lei e como eu solicitaba.
Tamén solicitei, entre outros puntos, que se incluira como requisito ter o curso básico de primeiros auxilios. Polo visto, tamèn pareceulles innecesario.

Non fai falta que diga, que cando viñeron ás bases á comisión de persoal (á que asisto,na que participo, pero non podo votar, pola negativa a recoñecer os dereitos desta Concelleira mais de 6 meses despois de abandoar o goberno) que se fixera un informe por parte do secretario para comprobar a correcta elaboración das bases. Ainda así, tanto secretario como interventora asisten á Xunta de Goberno onde se aproban as bases, supoño que alí farían constar as súas impresións.
De todos os xeitos o certo é que unha vez máis facemos as cousas mal, e hai que cambialas bases e axustalas á lexislación.

jueves, 14 de marzo de 2013

¿Estás no paro? Pois non es tan listo



Esta é a literalidade das palabras ditas polo Alcalde de Mugardos no derradeiro Pleno adicadas a esta concelleira:

"...Eu creo que en vez de estar aquí debía de estar nunha multinacional traballando, por que tanto que sabe… ou nunha gran banca ¿non?, por que controla tanto as finanzas e a economía que debía estar traballando, pero que sepa eu non traballa en ningún sitio vostede, polo tanto non debe de ser tan lista como parece..."



Para o Alcalde de Mugardos, non traballar é sinónimo de non ser tan listo.

Para o Alcalde de Mugardos, 639 mulleres e homes desempregados do noso Concello non son tan listos (dato do IGE, febreiro 2013).

Para o Alcalde de Mugardos, 5.965.400 de persoas desempregadas no Estado español o son por non ser tan listas (dato da EPA, decembro 2012).



No fondo, o que pensa o Alcalde de Mugardos que está a acontecer dende fai anos no mercado laboral debe de ser unha especie de proceso de selección natural: os listos traballan, os non tan listos non.

martes, 12 de marzo de 2013

Ai non nos imos a encontrar



Unha vez máis, e xa van tantas que perdín a conta, unha comisión informativa ou un Pleno convértense no lugar onde o Señor Barcia, esquecendo a súa posición como Alcalde, deixa ver a súa verdadeira natureza con ataques persoais a esta concelleira que nada teñen que ver co debate político ou ideolóxico.


O luns pasado, na comisión ordinaria de Benestar, durante o debate sobre as axudas á escolarización, axudas de emerxencia e declaración institucional do 8 de marzo, os argumentos dados polo Alcalde ante as miñas preguntas, propostas ou reflexións centráronse na súa obsesión co meu suposto (e falso) tránsfuguismo, coas miñas supostas (e falsas) irresponsabilidades, ou na miña suposta (e falsa) presenza ilexítima na corporación.



Hoxe, no Pleno extraordinario, no que se debatía o Convenio Colectivo e a adquisición dunha vivenda no Seixo, os argumentos dados polo Alcalde centráronse na miña vida persoal e profesional, da que non teño que darlle explicación ningunha dentro do debate político, que é o que procede nun Pleno.



Os gritos, as faltas de respecto e as falsas acusacións, ao único que retrata é a quen se rebaixa a ese nivel, ao lodo, que parece que lle gusta porque sempre leva os debates a ese punto, onde debe sentirse cómodo, lonxe dos argumentos sensatos e perigosamente preto do macarrismo. A incapacidade na defensa dos argumentos propios, dos actos propios e das decisións propias simplemente demostra a limitación e pobreza de quen non é capaz de actuar á altura esixible do seu cargo institucional.

Deixándose levar polos seus baixos instintos e esquecendo que a Alcaldía non representa a súa persoa senón a todos os veciños e veciñas, está a facer declaracións intolerables para o cargo político que ostenta.

domingo, 3 de marzo de 2013

Carta a Pilar Díaz



Considerada Voceira de EU, Señora Díaz:

O último pleno deixoume varias inquietudes, e unha delas é a súa actitude de negación da realidade e da evidencia, que resulta preocupante porque é, á parte dun autoengano, unha posible patoloxía que lle recomendo polo seu ben, facerse mirar a tempo.

Como di a famosa frase "Negar un feito é o máis doado do mundo. Moita xente faino, pero o feito segue sendo un feito".
E este comentario vén ao caso pola súa reiterada actitude de ignorar a miña presenza e propostas en comisións e plenos.

Tras realizarlle preguntas solicitando aclaracións e datos sobre os diferentes puntos da moción que presentou conxuntamente o seu grupo municipal, Esquerda Unida, e PsdeG - PSOE no último Pleno (celebrado o día 22 de febreiro), dixo que, como segundo vostede son unha "tránsfuga", non contestará ás miñas preguntas, nin agora nin nunca porque non existo, nin tampouco apoiará ningunha proposta que eu realice.

lunes, 25 de febrero de 2013

Dobre moral


O pasado venres celebrouse a sesión do mes de febreiro do Pleno do Concello, e non podo deixar de comentar o que para min foi o maior acto de indignidade persoal e política dende que formo parte dese plenario.

Eu presentei para aprobación a seguinte moción, na que como podedes ver, solicitaba que se enviaran condolencias ás famílias, se dera lectura a ditas condolencias, e se preste asistencia legal gratiuta aos afectados do noso concello polas ordes de desafiuzamentos, tal como o Concello fai coas vítimas da violencia de xénero.

Por estar xa convocado o Pleno cando fixen o rexistro da moción, ao inicio da sesión debe votarse a urxencia. BNG, EU e PSOE votaron en contra. Si, en contra. Dixeron non a falar da moción.
Non sei se porque consideran que esta non é unha cuestión urxente, ou porque consideran que este non é un asunto importante. En ambolosdous casos, paréceme incrible.
Se o seu voto en contra está relacionado directamente co feito de que fose eu a que presentara a moción, case que pido a dimisión dos/as Concelllerios/as por esquecer que están alí para xestionar os intereses públicos e non as vinganzas persoais.

martes, 12 de febrero de 2013

Un voto é un voto



Logo de que xa me preguntaran moitas veces cál é exactamente a importancia dos votos na Xunta de Goberno, como para que o tripartito rompese ás negocacións por un voto en dito órgano, vou tentar explicalo.

Os órganos máis representativos do concello son:
  • O Pleno, do que forman parte todos os concelleiros e concelleiras, e preside o/a Alcalde/sa.
  • O/A Alcalde/sa, que ven elexido polo Pleno, na investidura
  • A Xunta de Goberno, onde teñen representatividade o grupo ou grupos que formen parte do Goberno (presidida polo/a Alcalde/sa)
  • As comisións informativas, nas que están representados todos os grupos, pero cuios acordos non son vinculantes (aclarar, que o/a Alcalde/sa é presidente nato das comisións, pero pode delegar) 
O Alcalde pode aprobar asuntos por Decreto de Alcaldía, e na actualidade de feito, o Sr. Barcia faino; pero non é menos certo, que non acostuma a facelo sen o ditame favorable da comisión informativa ou da Xunta de Goberno.
¿Porqué? Pois por que parecería que goberna sen ter en conta a opinión maioritaria dos grupos (no caso das comisións), e por que ter un respaldo dun acordo favorable previo, sempre pode axudar na defensa no caso de ter algún tipo de responsabilidade legal sobre a decisión adoptada por Resolución (no caso da Xunta de Goberno).

viernes, 8 de febrero de 2013

Cando marcha o amor, chega a lista de agravios


Ao longo destas semanas, xa comentei en moitas ocasións o pouco convincentes que eran aqueles argumentos (eu prefiro chamalas excusas) que BNG, EU e PSOE expuxeran no seu comunicado de inicio público de negociacións, e fai poucos días no comunicado de ruptura.
Lembraredes que aquela era unha unión motivada pola elevada taxa de desemprego no Concello, a necesidade dun cambio nas políticas ou a miña marcha do grupo de goberno.

Pero este luns, na comisión de Benestar, tiven a oportunidade de comprobar un dos exemplos máis claros de que aquelas negociacións agora rotas, nunca foron un acordo na consecucións de obxectivos polo ben común senón un reparto de sillóns, votos na Xunta de Goberno ou as presidencias das comisións.

miércoles, 6 de febrero de 2013

Nota de prensa polo meu suposto (e falso) pacto co BNG

Nota de prensa que remitín esta tarde, desmentindo a EU e PSOE, logo de que a voceira de EU Sra Pilar Díaz e o voceiro de PSOE Sr Gabriel Bujones den a entender que existe un acordo "segredo" entre o BNG e a concelleira que suscribe:
"Ante as últimas noticias aparecidas na prensa, nas que tanto a voceira do grupo municipal de EU Sra Pilar Diaz, como o voceiro do grupo municipal do PSdeG-PSOE Sr. Gabriel Bujones, implican a esta Concelleira nun posible acordo  co BNG de Mugardos, véxome na obriga de aclarar o seguinte:
 
Non teño nin tiven, como concelleira non adscrita, ningún acordo nin de goberno, nin de gobernabilidade (nin para temas puntuáis, nin periódicos) co Alcalde Sr Fernández Barcia, nin co voceiro Sr. Bouza, nin con ningún membro do BNG.  Polo tanto, non tiven nin teño participación algunha, directa ou indirecta, nas negociacións levadas a cabo por BNG, EU e PSdeG-PSOE.

miércoles, 30 de enero de 2013

Tengo una pregunta para usted, Sr Alcalde



Se lembrades este famoso programa de televisión, lembraredes que cidadáns a título particular facíanlle preguntas a políticos invitados. Alí déronse situacións tan comentadas como a pregunta ao Presidente Zapatero de canto costaba un café, ou a pregunta ao, daquelas, xefe da oposición Sr Rajoy de qué faría se fose presidente no 2012 e tivera 4.000.000 de parados.
Como o Sr Barcia non resposta as miñas preguntas como Concelleira, voullas facer como veciña, a ver se teño máis sorte.

Logo de visitar hoxe a páxina web do Concello e atoparme na portada coa seguinte información “A Deputación Provincial da Coruña felicitaao Alcalde pola situación económica saneada que presenta o Concello deMugardos” que logo se amplía cunha parte de dito informe. Aclaremos algunhas cuestions.

Antes de nada, convido ao Sr Alcalde, dado o seu novo interese en que veciños e veciñas coñezan a situación economico-financieira do Concello, a que publique vostede os orzamentos na web municipal, a liquidación (ou peche) dos orzamentos ao rematar o exercicio, (incluso podería facelo trimestralmente, para que veciños e veciñas poidan ir coñecendo en qué se invirten os seus cartos), a publicar canto paga o Concello a cada un dos Concelleiros e Concelleiras (incluidos gastos de teléfono, de viaxes, peaxes, aparcamentos, comidas, etc).

O problema é que cando lle propuxeron estas medidas de transparencia nun Pleno, vostede votou en contra. Vostede e os seus compañeiros do tripartito.
¿porqué publica vostede informes da Deputación con titulares tendenciosos, e non a  información económica e financieira municipal que obra no seu poder e que aos veciños e veciñas gustaríanos saber? 

domingo, 27 de enero de 2013

Espadas en todo o alto



Logo da información dos derradeiros días suminitrada polos membros do tripartito (Troika Mugardesa), non hai dúbida de que, a negativa a ser sinceiros e transparentes nas negociacións, levan aos membros de BNG-EU-PSOE a caer en continuas contradiccións que non fan máis que amosar que as diferencias existentes radican nas cotas de poder e as condicións leoninas impostas por uns e outros para asinar o acordo na busca dos seus obxectivos particulares.

Fagamos memoria:
  • O 22 de decembro de 2012 falan de inicio de negociacións. O 26 de xaneiro xa recoñecen que o "período de colaboración" ven dende outubro. A realidade é que o acordo Sr. Barcia-Sra. Pilar Díaz no departamento de Servicios Sociais ven dende principios de 2012 e que o acordo das organizacións no resto dos departamento existe dende setembro de 2012
  • O 22 de decembro falan de "encontrar unha solución que permita abordar os retos diarios que plantexa a xestión da administración municipal e o impulso de políticas que favorezan a realización de novos proxectos". O 26 de xaneiro "EU quere un cambio de goberno e non participará dun goberno cuxo obxectivo sexa dar continuidade á xestión actual". Esos novos proxectos conxuntos e os retos diarios transfórmanse na negativa a participar. O único problema de xestión que teñen EU e PSOE para firmar o acordo públicamente é que non van firmar ata que o Sr Barcia abandone a Alcaldía e os deixe gobernar a eles.
  • O 17 de xaneiro falan do acordo programático e de xestión acadado entre as comisións negociadoras de BNG-EU-PSOE. O 19 de xaneiro fala EU de que "o BNG pretende alterar a vontade da cidadanía" , baseado nun acordo xa adoptado o 9 de xaneiro co propio BNG. Só pode existir unha aclaración imprescindible neste momento. ¿Quénes adoptaran os acordos: persoas individuais con intereses e obxectivos persoais, ou representantes de organizacións con intereses e obxectivos colectivos? Sospeito que a resposta correcta é a primeira.
  •  O 22 de decembro de 2012 falaba o Troika dun inicio de negociacións motivada pola crise económica, as políticas do PP, a debilidade do BNG ou as cifras de paro. Se eran estás as motivacións que os levaban a acadar acordos programáticos e de xestión, ¿porqué o 26 de xaneiro de 2013 as discrepancias veñen das cotas de poder, de órganos de xestión que pouco ou nada teñen que ver coa loita contra o paro, ou as propostas para paliar a crise económica?.

sábado, 19 de enero de 2013

Os tontos miran o dedo




“Cuando el dedo señala la luna, los tontos miran el dedo”



Este famoso proverbio chinés é o resumo que mellor explica a situación política, que semella ser de transición ao Barcismo,e que está a vivir o Concello de Mugardos nestas últimas datas con comunicados, contracomunicados e supostas filtracións, relativos a unhas negocacións que están máis que masticadas e dixeridas dende fai meses, como demostra o silencio de PSOE e EU nos Plenos e comisións dende o mes de setembro, do que xa vos falei na entrada do Pacto da Troika.


Pero, ¿que é o que os leva a mudar agora a posición pública? Analicemos que cambiu.
Unha vez máis, voume centrar nas declaracións de EU, por ser as que máis incoherencias e contradiccións continuas plantexan.

Di hoxe sábado EU no seu Blog, que " Se o acordo fracasa, ao grupo de goberno, é dicir, ao BNG só lle quedará un camiño: voltar a recibir o apoio, para as súas políticas, dos mesmos a quen manifesta combatir".
Refírese ao PP. E partindo de aquí xurden moitas preguntas.


miércoles, 16 de enero de 2013

"As Lagoas" mentais dalgúns concelleiros

Hoxe vou falar dun novo exemplo do tripartito na aplicación do rodillo, e do estilo “digo unha cousa, fago a contraria”. Nesta ocasión, foi para aprobar a suba das taxas da Escola Infantil “As Lagoas”, coas as que o 60% dos usuarios van pagar máis.


Vou trasladarvos algúns dos argumentos de pais e nais de usuarios da escola infantil nas súas alegacións ás taxas do tripartito, que non foron tidos en conta nin mereceron o máis mínimo comentario no debate por BNG-EU-PSOE:


“Me obligaría a retirar a mi hijo, no creo que sea justa”. “Expreso mi disconformidad con las tarifas, me parece exagerada. La revisión de tarifas en base al IPREM no se aplica con ocho tramos sino con cuatro y mucha gente se ver perjudicada”.“En caso de hacer efectiva esta subida me veré en la obligación de prescindir de este servicio”, “Paréceme excesiva, eu traballo cunha reducción de xornada e ao mellor véxome obrigada a sacar a nena da Escola e ao meu pesar, xa que para min é unha axuda e ela vai encantada”. “Os tramos do IPREM polos que se aplican as cuotas non coinciden coas publicadas no Decreto 49/2012, pasando de oito a catro tramos. Nin tampouco coinciden cos vixentes no momento en que matriculei ao meu fillo”.
E así sucesivamente.. Esta é a realidade e non outra. 


domingo, 13 de enero de 2013

O pacto da troika mugardesa



Esta entrada ten a finalidade de aclarar os intereses, que na miña opinión, teñen uns e outros no famoso "acordo" tripartito. 
E parto dunha idea: Un pacto non é negativo se os intereses a defender son os comúns, e non os persoais.
 
Logo das eleccións municipais, o BNG tiña 4 concelleiros e chamou á porta do PSOE para negociar goberno ou gobernabilidade. Aínda que con ese apoio non se chegaba á maioría (sumarían 6 concelleiros, e a maioría son 7), proporcionaba estabilidade. O PSOE dixo que non entrarían no goberno, pero podían dar apoios puntuais.
Non se falou con EU oficialmente (aínda que si houbo un achegamento oficioso), pois era de sobra coñecida a súa condición de non aceptar nada estando Barcia; e tampouco a número 2, esta concelleira, era do seu agrado. Non o digo eu, dixérono eles, podedes velo aquí.
Tampouco se falou co PP. Aínda que deu apoios puntuais en anteriores lexislaturas, a unión BNG-PP non se consideraba.

Entre EU, PSOE e PP si houbo intensas negociacións, especialmente PP e EU, que evidentemente non frutificaron; pero visto o debate, escoitar a voceira de EU dicir que igual que fala co BNG podía facelo co PP, chégase á conclusión de que aquí de política, nada; interese polos veciños, tampouco. O único que lle importa é gobernar con quen sexa (que lle deixe gobernar, claro).
Porque no mesmo debate di que pacta co BNG para defender aos seus veciños dos recortes do PP.¿Pero para qué pacta? ¿podería pactar co PP para loitar contra os recortes do PP? ¿pacta co BNG para loitar contra os propios recortes do BNG no concello, que os hai?
Non, EU e BNG pactan porque os seus voceiros están cegados por gobernar.

jueves, 3 de enero de 2013

"Desmonta el chiringuito"


Ese foi o labor que se me encomendou cando comecei a miña andadura como Concelleira de Benestar do Concello de Mugardos. “Desmonta el chiringuito de Pilar”. Esas foron as palabras textuais do Alcalde.

Os  Servicios Sociais, a concellería de Benestar,  son un “reino” da voceira de EU dentro do Concello, e se veñen seguindo as suas indicacions e premisas "clientelares" dende fai tempo, como os meus propios compañeiros do grupo de Goberno me transmitiron cando cheguei.
Entendín que a misión era reorganizar,equilibrar, baremar, vixiar que se cumpriran os criterios da normativa vixente en cada caso,  coa debida equidade e xustiza.
Igual para todos. A eso me puxen.

Dado que nos últimos días volvín ler, escoitar e ser preguntada polos motivos  que me levaron a marchar, e porque sempre é bo iniciar unha nova dinámica coa mochila lixeira de equipaxe, non tiven problemas en contalos no seu momento, e non teño problemas en facelo novamente, especialmente dados os comentarios, infundios e calumnias sobre o meu labor dentro do Goberno, e especialmente dende que abandonei e pasei a formar parte dos concelleiros non adscritos.