martes, 12 de marzo de 2013

Ai non nos imos a encontrar



Unha vez máis, e xa van tantas que perdín a conta, unha comisión informativa ou un Pleno convértense no lugar onde o Señor Barcia, esquecendo a súa posición como Alcalde, deixa ver a súa verdadeira natureza con ataques persoais a esta concelleira que nada teñen que ver co debate político ou ideolóxico.


O luns pasado, na comisión ordinaria de Benestar, durante o debate sobre as axudas á escolarización, axudas de emerxencia e declaración institucional do 8 de marzo, os argumentos dados polo Alcalde ante as miñas preguntas, propostas ou reflexións centráronse na súa obsesión co meu suposto (e falso) tránsfuguismo, coas miñas supostas (e falsas) irresponsabilidades, ou na miña suposta (e falsa) presenza ilexítima na corporación.



Hoxe, no Pleno extraordinario, no que se debatía o Convenio Colectivo e a adquisición dunha vivenda no Seixo, os argumentos dados polo Alcalde centráronse na miña vida persoal e profesional, da que non teño que darlle explicación ningunha dentro do debate político, que é o que procede nun Pleno.



Os gritos, as faltas de respecto e as falsas acusacións, ao único que retrata é a quen se rebaixa a ese nivel, ao lodo, que parece que lle gusta porque sempre leva os debates a ese punto, onde debe sentirse cómodo, lonxe dos argumentos sensatos e perigosamente preto do macarrismo. A incapacidade na defensa dos argumentos propios, dos actos propios e das decisións propias simplemente demostra a limitación e pobreza de quen non é capaz de actuar á altura esixible do seu cargo institucional.

Deixándose levar polos seus baixos instintos e esquecendo que a Alcaldía non representa a súa persoa senón a todos os veciños e veciñas, está a facer declaracións intolerables para o cargo político que ostenta.

Non fai falta que o repita, pero vouno facer unha vez máis: Sr Alcalde non me vai botar do Concello por moito que non me trate como debe, nin por moito que tente ofenderme e nin por todas as mentiras que siga vertendo sobre a miña persoa e o meu traballo.
A razón da forza que noutros casos funcionoulle tan ben, non servirá neste caso. Non vou deixar de facer o meu traballo,nin vou deixar de facer preguntas e propostas, nin vou deixar de denunciar o pésimo funcionamento de determinadas áreas do Concello. Ese é o meu compromiso.

Sei que resúltalle molesto que eu pregunte e repregunte. Pero o que verdadeiramente molesta é que algúen poda actuar con total liberdade porque nin lle debo nada a ninguén, nin teño vergonzas que tapar. A liberdade na acción política só da medo aos que teñen a conciencia intranquila e o traballo mal feito, convertindo o discurso político en debates persoais para tentar defenderse, confundindo o cargo e a persoa.

¿podería explicarme alguén qué aporta ao debate sobre o Convenio falar de se eu estou no paro ou non?

¿qué aporta ao debate sobre a compra da vivenda do Seixo se eu participei ou non na campaña electoral?

¿qué aporta ao debate sobre a aclaración de erros administrativos se eu son unha “iluminada” ou non?



E si, tamén vou denunciar estos feitos, porque considero que é unha persecución persoal por parte do Alcalde e dalgúns outros membros da corporación, froito da patética incapacidade de entender que a miña decisión lexítima e persoal de abandoar o grupo de goberno é sinxelamente eso, unha decisión absolutamente lexítima e persoal.



Se todas esas falsas acusacións que fan o Alcalde e os seus cómplices foran mínimamente reais, xa me terían denunciado, ou sería o Alcalde o que me tivera apartado do goberno.



Lamentablemente, nin son a única vítima destas actitudes, nin moito menos a única afectada por elas. Seino. Hai usuarios dos servizos públicos que non se atenden, hai veciños e veciñas aos que non se lles escoita, non se respostan os seus escritos nin se resolven as súas solicitudes; si, hai discriminación....E son os veciños e veciñas as principais vítimas delas. Eu, unha máis.



E unha derradeira aclaración. Hoxe mesmo o dixen no Pleno. Eu non falo aquí de Xosé Fernández Barcia a nivel persoal, nin o vou facer. A miña crítica vai dirixida ao Alcalde de Mugardos e as súas actitudes no Concello, nos Plenos e nas comisións.

A persoa de Xosé Fernández Barcia pode ter a súa opinión persoal sobre esta concelleira: da miña vida, do meu traballo, das miñas opinións e de todos os aspectos que considere oportunos. Está no seu dereito. Como veciño, pode pensar de mi o que lle pareza.



Pero como Alcalde, na presidencia do Pleno e das comisións non pode nin debe confundir os conceptos. El é o Presidente, eu unha concelleira. E nesos roles non vou aceptar insidias, calumnias, faltas de respecto nin referencias á miña vida. O Alcalde debe facer o seu traballo e eu, o meu.

Esta entrada vai dirixida a reflectir actitudes e declaracións do Alcalde de Mugardos no desempeño das súas funcións, que non podo nin debo admitir.

2 comentarios:

  1. Non vou entrar a valorar ní a xulgar as presuntas actitudes negativas que vostede denuncia publicamente nesta entrada porque non dispoño de testemuño directo de todo iso e tampouco, ata o momento, soporte documental para poder facelo , como poidan ser as correspondentes actas.

    De todos os xeitos algo raro debe de haber en todo isto porque a través da rede puiden saber que outra concelleira do Concello de Mugardos, neste caso do Partido Popular, que casualmente tamén se chama Mónica como vostede, solicitou que se clarifique nas actas dos plenos cando o alcalde chama a atención a " Mónica " acompáñese de apelido.

    Tampouco sei si o alcalde " lle chama a vostede a antención " tal e como manifesta a concelleira do PP.

    A min se que me chama a atención o feito de que esta mesma concelleira, tamén a través da rede, o pasado día 11, antonte, dixese que a modificación de crédito para a compra da vivenda do Seixo tocaba partidas de gasto de persoal e que por iso o PP pediría a documentación presupostaria para poder facer unha valoración.

    Finalmente recoñece e denuncia publicamente que o alcalde lles denegou o acceso á información solicitada.

    E o máis incomprensible de todo isto é o feito de que despois de todo o anterior, no día de onte, poucas horas despois, o Partido Popular votou favorablemente a proposta de modificación de crédito presentada polo goberno municipal do BNG para a compra dunha vivenda no Seixo .

    De todos os xeitos parece que casí ninguén sabe de que vivenda se trata e cual pode ser o obxecto e a finalidade última da devandita adquisición.

    Cousas da política actual .

    ResponderEliminar
  2. Agradézolle a súa opinión.
    As actas dos Plenos pode consultalas na página web do Concello www.concellodemugardos.org no punto de actualidade - Plenos. REcoméndolle que poña a versión da página en castelán (na parte superior ten dita opción, q é onde se están a colgar as actas máis actuáis).
    Onte no Pleno o Alcalde fixo mención á solicitude da concelleira Mónica Martínez que vostede comenta, e persoalmente, paréceme lóxica, debido precisamente á coincidencia dos nomes.
    Sobre as afirmacións que vostede fai en canto ao voto do PP, non son eu a persoa que pode aclarar ese punto.
    Eu expliquei nun comentario da entrada anterior cal foi o sentido do meu voto, e o porqué do mesmo. Entendo que debe darse cumprimento á senteza, pero tamén que non eran as partidas de persoal as que deberían reducirse para acadar os cartos necesarios.

    ResponderEliminar