domingo, 3 de marzo de 2013

Carta a Pilar Díaz



Considerada Voceira de EU, Señora Díaz:

O último pleno deixoume varias inquietudes, e unha delas é a súa actitude de negación da realidade e da evidencia, que resulta preocupante porque é, á parte dun autoengano, unha posible patoloxía que lle recomendo polo seu ben, facerse mirar a tempo.

Como di a famosa frase "Negar un feito é o máis doado do mundo. Moita xente faino, pero o feito segue sendo un feito".
E este comentario vén ao caso pola súa reiterada actitude de ignorar a miña presenza e propostas en comisións e plenos.

Tras realizarlle preguntas solicitando aclaracións e datos sobre os diferentes puntos da moción que presentou conxuntamente o seu grupo municipal, Esquerda Unida, e PsdeG - PSOE no último Pleno (celebrado o día 22 de febreiro), dixo que, como segundo vostede son unha "tránsfuga", non contestará ás miñas preguntas, nin agora nin nunca porque non existo, nin tampouco apoiará ningunha proposta que eu realice.
Vén á miña memoria un anuncio televisivo moi elocuente que di:
A partir de hoxe só poderedes escoitar unha canción na vosa vida...

Só poderedes ter un tipo de mascota....
Só poderedes conducir un único modelo de coche....
Alguén pregunta: porqué?
Sobreescrita na pantalla aparece a seguinte frase: "Todo gran cambio comeza cunha pregunta"

E as cousas xa están a cambiar, señora voceira, aínda que vostede non queira decatarse.
“Negar a evidencia adoita ser arma de incompetentes”. Vostede non quere ver a realidade, pero por moito que intente negala, a realidade está aí, e é como é
Para vostede eu son invisible, pero a realidade é testaruda. Resulta que esa moción conxunta de ambos os dous grupos da que falabamos ao principio desta entrada, non foi aprobada por faltarlles o meu voto. OLLO! EXISTO. Estaba empatada a votación e o meu voto era o que decidía.
E decidín: A súa moción de "titulares", sen ningunha concreción, non podo aprobala sen coñecela como corresponde, e como non quixeron concretar nada na súa absurda actitude de negación da realidade (pensando que eu non existo) comprenderá que me fai imposible votar nada que non explique (nin o seu grupo nin calquera outro).
Os actos de fe son doutro mundo, non do municipal.

E permítome outro consello polo seu ben: Os prexuízos, señora voceira, limitan a capacidade e non permiten afrontar as situacións con ecuanimidade, un repetido erro de conduta que tamén debería revisar, ao igual que os seus socios de moción (os dous membros do PSOE). Outros que tal bailan.

E falareille tamén de transfuguismo, que xa vexo que lle gusta porque se repite moito.
Na máis estrita legalidade, participo e voto no pleno e outras actividades municipais porque teño dereito a facelo como concelleira electa que son, igual ca vostede, exactamente igual, e teño a representación que os electores me concederon. Gústelle a vostede ou non.
O transfuguismo é "aquela forma de comportamento na que un individuo, como representante popular democraticamente elixido, abandona a formación política na que se encontraba para pasar a engrosar as filas doutra".
Evidentemente non é o meu caso, aínda que vostede queira presentalo así coa pretensión de enganar a quen a escoita e co claro obxectivo de desacreditar a esta concelleira. Considero que quen se desacredita con iso é quen practica o engano, non quen exerce o dereito que lle asiste, respéctado ou non por quen debese facelo e non o fai, é decir, vostede e outros coma vostede que logo falan de democracia. Falan, pero non practican.

Tránsfuga é para min quen engana o elector cun programa que despois non cumpre, fai promesas que logo esquece, e traizoa co seu comportamento político a quen o votou.
Tampouco por aquí son censurable. Presenteime cun programa electoral do que non abdiquei, e funme do goberno municipal cando comprobei que o grupo político co que me presentei si o facía. Non faltei á disciplina de voto mentres estiven nel, e antes de facelo, por coherencia persoal, abandonei o grupo. Se hai algunha traizón política, non é a miña.

É evidente que a miña presenza non lle comprace pero debe acostumarse a ela.
Que pena que se pareza vostede tan pouco a outros compañeiros do seu partido. Ampárannos as mesmas siglas, pero só coinciden niso.

Un saúdo,

Mónica Fernández Linares
Concelleira NON ADSCRITA (NON TRÁNSFUGA) do Concello de Mugardos.

PD: No último pleno fixo referencia a miña frase "ladran, luego cabalgamos", atribuída por uns equivocadamente á maxistral obra de Cervantes, por outros a Manuel Azaña, ainda que parece ter a autoría de Goethe. Vostede puido lembrar a Praza de Oriente. É unha cuestión de mundo e cultura, estimada Señora. Non sei se anhela vostede eses tempos, o que queda claro é que ainda vive neles. Eu xa estou do século XXI.

6 comentarios:

  1. O pique que houbo entre as duas cando vostede era concelleira do BNG, debeu de ser considerable. E dí moi pouco ou nada, do talante político e democrático de Pilar Diaz comprobar unha e outra vez como unha persoa da traxectoria xa de longo percorrido como ela ANTEPON AS SUAS RENCILLAS PERSOAIS a calquera tipo de razoamento, á ideoloxía que representan as siglas de EU e ós intereses neste caso dos mugardeses.
    Non hai dialogo, nin flexibilidade nos prantexamentos,nin ganas de chegar a acordos. É o que digo eu ou nada, e si o dís tí antes que eu, xa non me vale. Moi triste o espectáculo. A Pilar dalle igual, ós votantes non.
    PD.: Concelleiros do PSOE, ¡¡Esperten dunha vez!!, ¿non teñen criterio propio?, na miña vida vin manipulación semellante. Poden gañar o seu soldo igual sin necesidade de decir amén a todo, non se preocupen por iso.
    Do BNG e do PP ¿qué vou a dicir?, xa está todo dito.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Agradézolle a súa participación.
      Aclarar que nin tiven nin teño "pique" como vostede lle chama,xa non con Pilar Díaz, senón con ningún membro da corporación.
      Eu no Concello teño as portas do diálogo abertas con todos os Concelleiros e Concelleiras, como entendo que é a miña obriga. Se outros deciden unilateralmente pechala, é a súa decisión. Pero entendo que están pechando a porta aos veciños e veciñas.

      Eliminar
  2. Non cabe dúbida de que a situación actual de parálise e desconcerto que se está a dar dende hai tempo na política municipal no Concello de Mugardos resulta cada vez máis palpable e, en lugar de tender a mellorar vólvese cada vez máis complicada e enrarecida, e por iso tamén moi difícil de entender, ata o extremo de chegar á fatal conclusión de que non hai vontade ní tampouco intencións para conseguir unha solución compartida mediante o compromiso de todos sen excepción tal e como adoita acontecer en circunstancias de emerxencia como esta que estamos a padecer .

    Por si todo iso non fose suficientemente negativo e preocupante, agravaríase aínda máis a situación de chegar a confirmarse a información que circula nestes días sobre o inminente abandono ou renuncia doutro membro da Corporación Municipal.

    Parece como si neste caso se xuntasen a fame e as ganas de comer.

    ¡¡ É o que nos faltaba !!

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Agradézolle a súa participación.
      Non sei a que rumores se refire exactamente.
      Eu podo confirmarlle que este martes día 12, celebrarase unha sesión extraordinaria do Pleno na que o segundo punto da orde do día é a renuncia de Ramiro Pérez, ata o momento, concelleiro de Esquerda Unida.

      Eliminar
  3. Seguramente que vostede formaba parte do goberno municipal do BNG cando se elaborou e aprobou o presuposto municipal en vigor, que non é outro que o prorrogado do ano 2011, e é por iso que cabe preguntarlle si a intención de adquirir o inmoble da casa natal de Don Felipe Bello Piñeiro aos seus actuais propietarios, a Igrexa Católica (Arcebispado de Santiago), estaba contemplada naqueles momentos e coa correspondente dotación económica nos devanditos presupostos.

    E todo iso porque chama moito a atención o feito de que o goberno municipal teña agora que acudir a unha modificación de crédito bastante considerable na súa contía, nada máis e nada menos que 75.000 euros, que se someterá a aprobación na sesión plenaria extraordinaria convocada para o día de mañá, 12 de marzo.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Agradézolle a súa participación.
      Efectivamente, Nestos momentos o Concello ten o orzamentos prorrogado, o que supón que no momento de producirse dita prórroga desaparecen as partidas de inversión. Ese foi o motivo de ter que orzamentar a partida para adquisición da vivenda. Vivenda que non é, segundo a información da que eu dispoño, a casa natal de Don Felipe Bello Piñeiro.
      Por outro lado, a adquisición da vivenda aprobouse cos votos favorables de BNG e PP. O meu voto en contra debeuse a que a partida orzamentaria para a adquisición da vivenda, supuxo a eliminación de partidas de persoal, que poderían paliar a falla de operarios que ten o Concello. Solicitei en repetidas ocasións unha execucion de orzamentos de 2012 para coñecer qué partidas que non fosen de persoal poderían utilizarse para a vivenda. Dita solicitude non foi atendida polo Alcalde.

      Eliminar